///Verónica Rivadulla, concelleira da Marea en Culleredo: “As empresas ten que se adaptar ao ben común, e non ao revés”

Verónica Rivadulla, concelleira da Marea en Culleredo: “As empresas ten que se adaptar ao ben común, e non ao revés”

JUAN OLIVER / Verónica Rivadulla sempre gustou moito do fútbol, tanto que chegou a ser árbitra galega en partidos de infantil, cadete e xuvenil, e logo xuíz de liña en categoría prerefente en Salamanca, onde estudou Ciencias da Información. E lembra que un día, nun partido de nenos en Pizarrales, un barrio obreiro desa cidade, unha nai lle berrou, literalmente, “¡Vete a fregar!”. “Eu estaba feita a que me insultaran, como lles sucede a todos os árbitros”, explica. “Pero aquelo deixoume de pedra: unha muller mandando a outra a fregar. A quen se lle ocorre?”.

Verónica o conta rindo, porque é difícil quitarlle o sorriso do rostro. Acaba de entrar como concelleira en Culleredo polas listas de En Marea, tras a demisión dunha compañeira. Ten 31 anos, un menos dos que leva na Alcaldía o socialista Xulio Sacristán. E tamén rí cando se lle pregunta se non lle parece raro, a súa idade, non ter coñecido a outro rexidor. En Culleredo hai un pleno de 21 concelleiros: nove do PSOE, catro do PP, tres de Alternativa dos Veciños, tres de Marea Veciñal, un de Ciudadanos e un do BNG. Ela é a máis nova.

-Que razón a levou a presentarse ás eleccións?

-Eu son xornalista, estaba no paro e cansada de ver que as cousas non ían ben por ningún lado. A xente da Marea foi aldea por aldea explicando o seu programa, e un día pasaron pola miña, por Ledoño. Gustáronme. E pensei: “Malo será que non necesiten a alguén que lles leve comunicación”. E xa ves. Empecei a ir ás asambleas, e acabei nas listas.

-Pero non ía neso que chaman os postos de saída, tiña esperazas de ser elexida?

-Ía de catro, foi o que se decidíu nas primarias, pero claro que tiña esperanzas. Sonche moi optimista, estaba segura de que ía saír.

-E cando víu que non, que pensou?

-Pois que ía seguir coa miña vida normal. Tiña pensado facer un ciclo superior de informática e tirar cara adiante.

-E de repente unha concelleira da súa formación demite por razóns persoais e lle toca sustituila. Que pensou?

-Pois… ¡qué guay!

-É a máis nova da Corporación, imaxino que verá as cousas dun xeito diferente ao resto.

-Si, pero non creo que a miña idade sexa un problema, ¿non? Nas xeráis había un candidato á presidencia do Goberno de 31 anos 

[Alberto Garzón, de Izquierda Unida-Unidad Popular]. Pero é verdade que moitos míranme en plan “¡ay, que neniña tan mona!”, coma si fora a concelleira light ou algo asi. Pero sonche moito máis dura do que parezo. De light, nada de nada. De feito, cando era árbitra tiña que aguantar os insultos dos que lle falaba antes sen decir nada, claro. E agora teño que ter a capacidade de saber respostar como é debido. E ás veces dinme que son demasiado sarcástica e que me paso. Terei que controlarme.

-No seu partido tamén a tratan de neniña?

-Pois algún hai, si. Pero xa me irán coñecendo. É verdade que levo pouco tempo, recollín a acta o 7 de xaneiro, pero xa irán vindo como son de verdade.

-E como é  de verdade?

-Pois alguén que pensa que un alcalde non pode estar nun cargo 32 anos seguidos, porque entón acaba caendo no erro de pensar que o cargo é el mesmo, que o Concello é seu.

-En que sentido o di?

-Nos plenos, por exemplo. Non me gusta como o alcalde se dirixe ao resto da xente. Non digo aos do meu partido, digo tamén aos demáis, aos do PP, ao do BNG. Responde con soberbia, como se todo lle aburrrira, coma se en vez de ser un actor máis dese escenario político que é o pleno fora o único, o gran protagonista. Coma si fora seu, xa lle digo.

-Que políticas lle toca levar na súa formación?

-Benestar social, educación, cultura e deportes.

-Lle virá ben a experiencia de árbitra para facer propostas e negocialas.

-Non, non, aqui non veño de árbitra, veño a poñer sobre a mesa o programa da Marea e tratar de levalo a cabo, cinguíndome a el, porque é un programa baseado en propostas da cidadanía, accesible e que se pode cumplir.

-Pero fáleme de propostas concretas, que faría se fora concelleira do Goberno?

-A min preocúpame a redistribución da riqueza, que ninguén teña que pasar frío ou fame pola súa orixe ou por circunstancias da vida. E niso poría todo o meu esforzo. Pero se me fala de propostas concretas, xa temos feita algunha, como que a comida dos centros escolares se cociñe nos mesmos colexios para evitar que suceda como hai uns meses, cando chegaban alimentos en mal estado.

-Como ve a situación política nacional?

-PSOE e PP cren neste sistema de amiguismos e empresas afíns ás que se lles conceden favores a costa da cidadanía. E son as empresas as que ten que se adaptar ao ben común e non ao revés. As solucións non poden pasar sempre polo aforro na man de obra.

-E ao BNG? Cré que poderán chegar a acordos para as autonómicas?

-No BNG hai xente moi válida, pero están pechados arredor de si mesmos. Defenden antes ao partido que ás ideas. Na campaña tiñan xente adicada exclusivamente a desacreditarnos nas redes. Lembro un deseño que presentaba a un Batman co logo do BNG abofeteando a Robin, que levaba o da Marea e lle dicía “Son vegano”. Quixeron facer de nós un estereotipo de debilidade, coma se non fóramos quen de defender as nosas ideas, como se fóramos os febles e eles os fortes. E xa ve o que  pasou.


Fóra de contexto: “Que a fogueira do espírito siga quentando as vosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares”. Alfonso R. de Castelao, no remate de Alba de Groria, publicado no número 463 do xornal A Nosa Terra en xullo de 1948, e reeditado en xullo de 1999 por A Nosa Terra, Editorial Galaxia e a Fundación Caixa Galicia, páxina 30.

Quizá te interese

 

 

By | 2017-03-29T17:29:14+00:00 05/02/2016|Categories: Entrevistas, PERSONAJES|Tags: , , , |2 Comments

About the Author:

Juan Oliver
Periodista licenciado en Ciencias Políticas y máster en Medios de Comunicación, trabajó en Radiovoz, El Mundo, Unións Agrarias y La Voz de Galicia, diario para el que fue corresponsal en Bruselas durante cinco años. Editor y coordinador de La Duda, también colabora en Público, El Periódico de Catalunya y Adiante

2 Comments

  1. Fartio 5 febrero, 2016 at 4:52 pm - Reply

    Hai Marea! Hai Marea!!! Os da Coruña cansándose de dicir que os da “Marea Culleredo” non tiñan nada que ver con eles pero nada. Hai que saber aproveitar as modas.

  2. José Enrique 5 febrero, 2016 at 11:07 pm - Reply

    Os autónomos e as PEMEs deste pais soportan máis do 70% da “man de obra” como vostede a chama. Gran empresa, aquí e a Administración Pública: concellos, mancomunidades, deputacións, consellerías, ministerios, universidades, centros de saude e un longo etcétera; amén dos “afins”: fundacións, asociacións de todo tipo, clubes, colexios profesionais…

    É esa Administración Pública a que ten que se adaptar ó ben común e non o revés? Ou está a falar doutra cousa?

Leave A Comment