Home/ANTE LA DUDA/Pienso luego escribo/Luz Pozo Garza e o peiteado do ex presidente

Luz Pozo Garza e o peiteado do ex presidente

ANXO CARRACEDO / Presentouse este mércores na Coruña, na sede da asociación cultural Portas Ártabras, o último libro de Luz Pozo Garza: Rosa tántrica, publicado por Alvarellos. Aos seus espectaculares 94 anos e con case 70 de carreira literaria, a señora Pozo Garza ben podería ser considerada a matriarca da poesía galega contemporánea. Enténdase o termo ‘matriarca’ no mellor dos seus sentidos.

Ante un local cheo a rebentar, xusto antes de empezar a ler unha das 64 pezas que compoñen o libro, a autora advertiu ao público da diferenza entre o que chamou suxeito da enunciación e suxeito do enunciado. A autora detívose nesta dicotomía que viría diferenciar entre o autor dun texto (autora neste caso) e o narrador ou (xa que neste caso falamos de poesía) a voz lírica. Todo iso para advertir, nas súas propias palabras que, “todo isto podería ser mentira”. É obvio que o autor pode acubillar voces diversas e mesmo contraditorias. E esta multiplicidade de suxeitos do enunciado non teñen por que restar “autenticidade” á obra. Si poden, en cambio, enriquecela. Pola miña parte, cando me enfronto a unha peza literaria agradezo que, nese sentido, sexa “mentira”. Porque, como dixo Octavio Paz en referencia á obra da peruana Blanca Varela, a poesía ha ser algo máis que unha confidencia. A literatura, penso, debe ser algo máis que unha confesión. Cómpre algún espazo entre o autor e a súa voz poética / narrativa, porque o lector non está para dar absolucións.

Pero este xogo que ten nas artes o seu terreo propio xógase tamén noutros eidos onde a súa lexitimidade ha ser posta en cuestión.Ven de saír en Gran Bretaña o Informe Chilcot, que conclúe que Tony Blair presentou á opinión pública as probas sobre a suposta existencia de armas de destrución masiva a disposición de Sadam Hussein cunha “certeza non xustificada”, ou sexa, que mentiu para xustificar e promover a guerra de Iraq. Nalgún momento anterior á toma da famosa foto das Azores, na que o entón primeiro ministro británico posa xunto a un José María Aznar despeiteadiño e coa man do presidente estadounidense George Bush docemente pousada no seu ombreiro, abriuse unha fenda que separou ao suxeito da enunciación (Tony Blair) e o suxeito do enunciado (Tony Blair narrador / poeta / contacontos / charlatán). E produciuse a ficción. E logo veu a guerra e toda a morte, miseria e indignidade que esta trouxo e segue traendo.

Blair, por suposto, non admite nada disto. Di simplemente que asume as responsabilidades que se puideran derivar dos “posibles erros”, que en calquera caso quedarían xustificados por terse cometido “de boa fe” e “en interese do país”. Ben, polo menos na Gran Bretaña tense feito unha investigación, que xa é bastante máis do que se fixo en España, país onde os secretos oficiais son secretos para toda a eternidade.

Durante demasiado tempo temos admitido que a fenda entre suxeito da enunciación e suxeito do enunciado pode ser admitida nun sistema político que se ten por democrático. Nalgún momento a política pasou de conter un admisible compoñente de representación a ser pura trola: unha partida de tramposos na que case ninguén case nunca usa a carta da veracidade. Así que José María Aznar ben podería convocar aos medios para unha comparecencia sen preguntas e, parafraseando a Luz Pozo Garza, dicir: “Todo aquilo puido ser mentira”. Logo marcharía para casa co flequillo ben colocadiño.


Quizá che interese

O país que vén

Refuxios periféricos

Realidades virtuais

 

 

About the Author:

Anxo Carracedo
Periodista e consultor de Comunicación. Traballou en Diario 16. Góstalle andar en bicicleta e contar contos no seu blog www.artefloralpararrumiantes.wordpress.com.

One Comment

  1. Pokemon e a arte urbana - La Duda 17 agosto, 2016 at 8:49 pm - Reply

    […] Luz Pozo Garza e o peiteado do ex presidente […]

Leave A Comment