///Permítenos o emprego ocupar o noso lugar como cidadáns?

Permítenos o emprego ocupar o noso lugar como cidadáns?

XOSÉ DORRÍO / A European Anti Poverty Network – EAPN (Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social) publicou no ano 2015 o “V Informe sobre O estado da pobreza (léelo aquí ) segundo o cal “aumenta o número de traballadores pobres desde o 11,7% en 2013 ao 14,2% no 2014, o que ven a mostrar, outro ano máis, que non calquera traballo protexe da pobreza. Esta cuestión está moi relacionada coa evolución crecente da xornada parcial que, para o segundo trimestre do 2015, chega ao 16% do total de ocupados”. Algúns traballos non nos permiten traspasar o limiar da pobreza de modo que, dificilmente se pode exercer de forma efectiva a cidadanía por parte dos individuos que sofren estas situacións. O mesmo informe liga a pobreza coa precarización dos empregos, coa evolución crecente da xornada parcial que, si, serve para maquillar as estatísticas de persoas desempregadas, pero non para resolver a súa situación económica e, polo tanto, dar resposta ás súas necesidades como cidadán.

Esta situación fora analizada anos atrás pola Fundación 1º de Maio, nun informe chamado Traballadores pobres e empobrecemento en España (2012), elaborado por  Jorge Aragón, Jesús Cruces, Luís de la Fuente, Alicia Martínez, Amaia Otaegui e Elvira S. Llopis, onde se manifesta que a “pobreza afecta dun xeito máis acusado a aquelas persoas que quedan fora do mercado laboral ou que perderon o seu emprego, aínda que ten un emprego non exime da probabilidade de ser vulnerable a a pobreza”.

Como se chega a esta situación

O avance da pobreza está directamente relacionado co crecemento da desigualdade, é o prezo que o 99% da poboación ten que pagar para que o 1% sexa cada vez máis rico. Esta é a tese do premio Nóbel Joseph E. Stiglitz, quen non dubida en responsabilizar aos estados de crear, de forma premeditada un marco legal, para fomentar a desigualdade: “a desigualdade en EEUU non apareceu porque si. Foi creada. As forzas do mercado desempeñaron un papel, pero non foron as únicas responsables” posto que “as políticas gobernamentais determinan esas forzas do mercado”

[O precio da desigualdade, páx.75]. Lamentablemente, no proceso de mundialización da economía, aquelas teses políticas estendéronse e impuxeron na maioría de estados, incluídos os europeos, onde, tradicionalmente os mercados estaban máis regulados e eran máis protectores co cidadán (estado do benestar). Como afectan estas políticas ao mercado laboral? Para Stiglitz “As políticas macroeconómicas determinan a precariedade do mercado laboral, o nivel de desemprego, e, por conseguinte, a forma en que operan as forzas dp mercado para cambiar a participación dos traballadores” [páx. 85].

Estas políticas consisten fundamentalmente no aumento da flexibilidade na contratación laboral e, ao tempo, a contracción das medidas que dotaban de seguridade ao traballador (tende a reducirse a indemnización por despedimento, os subsidios de desemprego, etc.), xustificadas ambas pola crise económica. Sen un sostén de seguridade económica, o mercado laboral flexible crea irremediablemente estes resultados. A destrución das redes de seguridade xunto á rápida acumulación de capital é, en palabras de Santiago Álvarez e Yayo Herrero, “a principal forza de expulsión e ameaza para os pobos e comunidades”.

Efectos da pobreza

A pobreza nas sociedades actuais é o resultado do fracasado estado de benestar, un tipo de estado que non cumpre o seu cometido, como afirma Roger Senserrich. Por iso, “cando falamos de pobreza (…) non estamos falando de vivir en pisos pequenos, comer mal, no ir ao cine ou estar nun barrio feo da cidade. Estamos falando de medo, angustia e temor constantes, a miúdo en solitario, sen que ninguén se digne a prestarche atención”. Fala o autor deste artigo, non só dos efectos da pobreza sobre as persoas adultas, senón tamén do ambiente tóxico que significa para os seus fillos, pois limita a formación persoal e académica das futuras xeracións, nun mundo no que o cambio é constante, arrastrándoos tamén á pobreza. No ano 2006 a Fundación FOESSA saca á luz baixo o título A transmisión interxeracional da pobreza: factores, procesos e propostas para a intervención un estudio no que conclúe que o status laboral representa un claro factor de transmisión de pais/nais a fillos/as, ao constatarse unha clara relación entre as dificultades económicas sufridas na infancia co nivel de estudos alcanzado, tanto que, o 81% das persoas que sufriron serias dificultades económicas na súa infancia volven sufrilas na súa vida adulta, converténdoas nas persoas máis susceptibles aos ciclos económicos. “Este estudo permite comprobar como a pobreza presente xera a pobreza futura”.

No ano 2008 o INE publica un estudo similar, sobre Transmisión interxeracional da pobreza, baseado na Enquisa de condicións de vida no ano 2005, relacionando a situación do adulto actual coa súa adolescencia. “As taxas de pobreza (….) aumentan coa frecuencia das dificultades económicas no fogar durante a adolescencia. No grupo de adultos que nunca tiveron dificultades a proporción de pobres é do 13,1% e chega a ser o 19,8% no caso de adultos que sufriron dificultades moi a miúdo. Polo tanto, podería concluírse que o ambiente económico na pubertade ten unha influencia clara nos ingresos futuros e na probabilidade de caer na pobreza, aínda que o feito de non ter sufrido dificultades económicas na etapa adolescente non exime de pertencer ao grupo de adultos actualmente clasificados como pobres”.

A pregunta que nos facemos

A pregunta é si o emprego nos permite ocupar  o noso lugar como cidadáns. A resposta é ambigua: “si” e “non”. Dependerá do tipo de  cualificación requirida para o emprego, a súa estabilidade, a renda, a evolución tecnolóxica, moitas veces imprevisible. Dependerá de que ese emprego nos permita ter acceso á propiedade, aos dereitos derivados do traballo ou, nesta nova era, moi importante, acceso ao coñecemento. Dependerá, pois, de que o emprego sirva ao individuo como catapulta cara a súa propia emancipación e independencia.

A actual escaseza de emprego, a súa racionalización mediante a imposición de xornadas parciais, a precarización de salarios, son elementos que xogan en contra. Empregos que manteñan ou conduzan ao traballador cara una situación de pobreza serán un serio condicionante para acadar unha cidadanía efectiva.

Velaquí unha noticia que nos debe facer pensar sobre a importancia do acceso ao coñecemento: “Algunhas firmas xa estiman que para 2025 unha cuarta parte dos empregos queden obsoletos ou estean automatizados e que esta porcentaxe ascenda ao 40% dentro de 20 anos”. Outra nova: “KR-180: O obreiro que nunca falla” sobre a unha máquina soldadora de última xeración que vén a revolucionar o sector metalúrxico. Sería un desastre tratar de manter empregos nunha empresa cando a competencia realiza ese traballo con máquinas, estaría abocada á ruína, pero sería un desastre tamén prescindir de traballadores sen sequera establecer un sistema de seguridade que lles permita ocupar un novo posto de traballo no futuro, pois serían conducidos á pobreza. Si na modernidade, coa chegada da industria, como relata Albert Salas, os pobres podían supor un problema si aceptaban a súa condición e non ambicionaban traballar, na actualidade pode suceder outro tanto, pois o traballador, amais de sela man de obra, é o consumidor dos novos produtos no mercado. Antes as empresas pensaban na lóxica “si non queren traballar, non podemos producir” pero agora deberían pensar que “si non ofrecen traballo, non ten consumidores”. A nova ética do traballo debe facer sentir responsable aos empresarios, amais de ás institucións, aos propios traballadores e colectivos que os representan, da situación de acceso aos recursos por parte dos traballadores, que non deixa de ser o acceso aos seus propios produtos.

Todo traballador ten a necesidade de formarse ao longo da vida para ir adecuándose aos cambios tecnolóxicos que definen a sociedade actual. Non cabe dúbida de que o traballador que non sexa consciente deste feito ten moitas posibilidades de verse desprazado do mercado de traballo e caer na pobreza, pero incluso aquel que o conserve pode caer na precarización do seu salario se non mellora a súa cualificación. Faise necesario comprender o novo paradigma económico para non caer na pobreza, principal escollo para ocupar un lugar no mundo como cidadán.

 


 

About the Author:

Xosé Dorrío
Licenciado en Dereito e Ciencias do Traballo. Axente de Emprego.

Leave A Comment